A contorna do río Anllóns conta xa cun primeiro treito de senda peonil, pero non será o único. O alcalde, José Manuel Mato, avanza que o obxectivo é continuar con esta liña de traballo, "gañando e executando máis metros de itinerarios peonís para comunicar O Couto co Anllóns, dándolle ao río o protagonismo que merece". E é que, como explica o rexedor, "proxectos como este permiten habilitar novos espazos de lecer e esparexemento para a veciñanza, mellorando substancialmente a súa calidade de vida".
As obras realizadas nesta primeira fase dependeron da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e contaron cun orzamento próximo aos 45.000 euros. Unha contía que serviu para executar un treito duns 500 metros de lonxitude no que se colocou un bordo de aceito, novo pavimento de terra estabilizada e bolardos metálicos para impedir o acceso por parte de vehículos.
A súa construción contribúe a poñer en valor un dos elementos naturais máis característicos de Ponteceso e ofrecerlle á veciñanza unha alternativa de ocio que lles permita gozar da riqueza do seu municipio.
O rexedor agradece a colaboración da Xunta de Galicia, indispensable para levar a cabo intervencións "tan importantes como esta e en beneficio da cidadanía".