Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

O CONCELLO ANUNCIA A EXECUCIÓN DA SENDA PEONIL EN PAZOS, CUN INVESTIMENTO DE PRETO DE 400.000 EUROS

O alcalde de Ponteceso, José Manuel Mato, vén de anunciar o comezo das obras da senda peonil en Pazos, actuación que chegou tras a sinatura este ano dun convenio de colaboración coa conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, e coa directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, para facer realidade esta actuación. Segundo o rexedor, a intervención é "esencial para seguir reforzando a seguridade viaria na zona".

A actuación reforzará a seguridade viaria na estrada AC-419, no treito que vai desde o punto quilométrico 2+990 ata o 3+350. Ademais da senda, habilitarase unha zona de aparcamento, dous pasos de peóns e reforzarase a sinalización existente. Segundo a previsión da Xunta, que asumiu a licitación do proxecto, as obras poderían estar finalizadas a principios do 2026.

As actuacións en Pazos están encadradas dentro do Plan Hurbe, e levaranse a cabo cun investimento próximo aos 400.000 euros (397.250 euros). Da contía total, o organismo autonómico achega o 70%, isto é, 278.074 euros. A cantidade restante, 119.174 euros, procede das arcas municipais.

O primeiro edil agradeceu a predisposición da Xunta de Galicia e especialmente da conselleira, da directora xeral de Urbanismo e de todo o persoal técnico, que amosaron a súa "completa colaboración para facer
realidade esta demanda".

O alcalde avanzou que, proximamente, manterá un novo encontro coa conselleira na que se "porán enriba outros proxectos que considera importantes para continuar mellorando os servizos e infraestruturas da veciñanza".

Concello de Ponteceso