Un operativo coordinado polo concelleiro Faustino Santiago encargouse do reparto de auga embotellada en Corme
Un operativo coordinado polo concelleiro de Seguridade, Faustino Santiago, e do que formaron parte varios membros da corporación, entre eles o alcalde, Xosé Lois García Carballido, encargouse do reparto de auga embotellada á veciñanza de Corme, como medida preventiva ante a aparición dun episodio de gastroenterite que afecta a un bo número de veciños/as da localidade.
Despois do reparto, o alcalde dirixiuse ata o Punto de Atención Continuada (PAC), onde na xornada de hoxe foron atendidas 30 persoas polo mesmo motivo e houbo colas na sala de espera. García Carballido púxose en contacto coa xerencia de Atención Primaria para reclamar un segundo médico, e dende o Sergas confirmaron pouco antes das 20.00 horas que se reforzará o servizo mentres dure a crise.
Dende o Concello de Ponteceso insistimos na recomendación de non beber auga da traída en Corme, como medida preventiva.