Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

Preto de 200 persoas, na súa maioría nenos/as, participaron durante o mes de xullo na programación deportiva do verán

Surf, bádminton, campus de fútbol, excursións e un campamento deportivo foron as propostas para os máis pequenos/as mentres que para os adultos houbo ximnasia na praia do Osmo

Ximnasia para adultos na praia do OsmoA programación deportiva de Ponteceso é unha das grandes protagonistas do que levamos de verán. En pleno ecuador da temporada estival xa son preto de 200 persoas, na súa maioría nenos/as, que participaron nas diferentes propostas promovidas dende a Concellería de Deporte, que dirixe Raquel Fondo Pérez.

Neste senso, a titular da área amosou a súa satisfacción ante a excelente acollida que está a ter a programación deportiva municipal entre a veciñanza e, especialmente, entre os máis cativos/as. Así mesmo, manifestou que ?desde o goberno municipal seguiremos traballando para mellorar, ano a ano, a oferta deportiva actual con novas alternativas de ocio para todas as idades e con máis prazas dirixidas aos máis pequenos/as para seguir favorecendo a conciliación laboral, persoal e familiar dos veciños e veciñas que residen no noso concello?.

O mes de xullo arrincou cun clásico do calendario estival: o tradicional campus de fútbol organizado conxuntamente co Concello de Cabana, no que este ano participaron 35 rapaces/as con idades comprendidas entre os 6 e os 12 anos de idade. Os/as que tamén o pasaron en grande foron os 16 nenos e nenas que, os días 8, 9 e 10, viaxaron a Galipark para gozar dunhas xornadas de aventura e de actividades ao aire libre entre as que non faltaron os circuítos de altura, tirolinas, lasertag, deslizadores acuáticos, visitas culturais e ata rutas BBT. Unha experiencia inesquecible na que diversión e aprendizaxe camiñaron da man.

A segunda quincena de xullo tamén nos deixou un gran número de actividades que lograron satisfacer as expectativas dos máis pequenos/as da casa, como o taller de bádminton, levado a cabo en Ponteceso e Corme e no que participaron un total de 27 cativos/as. Outra das máis demandadas polo público infantil foi o campamento deportivo, un clásico da programación de verán organizado conxuntamente co Concello de Cabana, ao que acudiron 37 rapaces/as de 7 a 14 anos. Ademais de practicar paddle surf e kayak, tamén tiveron a oportunidade de realizar obradoiros de abelorios, xogos de raqueta e outros máis alternativos.

Programación para adultos
Aínda que a programación deportiva do verán está destinada na súa maioría á cativada do noso concello, este ano as persoas maiores de 18 anos tamén puideron desfrutar dunhas divertidas e moi relaxantes clases de ximnasia na praia do Osmo (Corme), que tiveron lugar todos os luns e xoves do mes, de 09:45 a 10:45 horas, e nas que participaron 20 veciños/as.

E para todos os públicos, tanto en xullo como en agosto, desde a Concellería de Turismo estanse a organizar as Marchas Nocturnas a Pé coas que se pretenden dar a coñecer algúns dos recunchos máis fermosos do municipio ao tempo que se promove a práctica deportiva e novos hábitos de vida máis saudables.

O mes despediuse cunha excursión ao Aquapark de Cerceda, unha das actividades máis agardadas polo público infantil, que non defraudou a ningún dos 48 participantes.

En agosto, máis deporte!
Se xullo estivo repleto de actividades deportivas, a primeira quincena de agosto tamén nos ten reservadas novas citas co deporte. A primeira, xa en marcha, chega pasada por auga da man do curso de iniciación ao surf, que se desenvolveu na praia da Ermida (Corme) os días 29 e 31 xullo, e que continuará o 2, 5 e 7 de agosto con 27 nenos/as inscritos/a, de idades comprendidas entre os 8 e os 16 anos.

A segunda, non menos atractiva e dirixida á mesma franxa de idade, levarase a cabo o vindeiro día 9, na praia do Osmo, para introducir á cativada no apaixonante mundo do paddle surf. Participarán 29 alumnos/as.

A programación deportiva para toda a familia chegou este domingo 4 coa celebración do 27º Día da Bicicleta, organizada polo Concello de Ponteceso, La Voz de Galicia e Radio Voz, no que participaron persoas de todas as idades e condición física. E para os/as que aínda queden con ganas de máis, esta cita virá seguida doutra xa habitual no noso calendario de verán, a 16ª Ruta Cicloturística de Corme, que arrincará o domingo 11, á mesma hora, da Praza da Ribeira. As inscricións realizaranse no punto de saída, de 09:00 a 10:45 horas. Anímate e participa! Ah, e non esquezas o casco na casa!

Concello de Ponteceso