Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

Prepárate para pedalear no Día da Bicicleta de Ponteceso e na Ruta Cicloturística de Corme

Os domingos 4 e 11 podes participar en dúas xornadas clásicas de promoción do ciclismo, a natureza e a vida sá

Este verán en Ponteceso non hai tempo para o aburrimento! Desde o Concello estamos traballado arreo para sacarlle o máximo proveito á temporada estival. Non hai máis que botar unha ollada á programación do Verán Cultural para comprobar a chea de propostas culturais, lúdicas e deportivas que temos en marcha.

Se esta fin de semana despedimos o mes de xullo coa celebración da IV Feira Mariñeira Artesá de Corme, agora tócanos darlle a benvida a agosto con dous dos eventos deportivos máis consolidados do noso municipio e nos que poderán participar persoas de todas as idades e condición física.

Da man de Ponteceso Deporte, La Voz de Galicia e Radio Voz, ademais doutras empresas colaboradoras, chega o 27º Día da Bicicleta de Ponteceso, unha xornada lúdica e de convivencia para toda a familia, a través do que pretendemos promover hábitos de vida máis saudables e en contacto directo coa natureza. E para os/as que aínda queden con ganas de máis, esta cita virá seguida doutra xa habitual no noso calendario, a Ruta Cicloturística de Corme, que este ano acadará a súa 16ª edición.

A primeira ocasión para subir á bicicleta será o domingo 4, ás 11:00 horas. Como xa vén sendo habitual, o punto de partida será a Praza do Relleno de Ponteceso, onde se reunirán todas as persoas que estean dispostas a pasar unha xornada de ocio, diversión e convivencia desfrutando dalgunhas das vistas máis fermosas do noso concello. Pero o día tamén lles deparará moitas máis sorpresas aos participantes, que recibirán diversos obsequios e agasallos ao remate da proba.

E os/as que queden con ganas de pedalear, poderán volver a facelo o domingo 11 na XVI Ruta Cicloturística que se vai celebrar en Corme. A saída terá lugar, tamén ás 11:00 horas, da Praza da Ribeira para percorrer diferentes zonas da vila.

En ámbolos casos, as inscricións deberán realizarse no punto de saída das probas, de 09:00 a 10:45 horas. Para participar é obrigatorio o uso do casco. Para máis información, os interesados/as poden chamar ao número de teléfono 981 971 719.

Desde a Concellería de Deportes facemos un chamamento a toda a cidadanía para participar en ambas actividades e desfrutar dunhas xornadas nas que diversión e deporte camiñarán xuntos a golpe de pedal. Non faltedes!

Concello de Ponteceso