Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

Música, libros, charlas, artesanía, concursos e espectáculos infantís enchen a programación da IV Feira Mariñeira Artesá de Corme

A Praza do Pan e a Praza da Ribeira acollerán as actividades que se celebrarán do 25 ao 28 de xullo

Música, presentacións literarias, eventos circenses, concursos, actuacións folclóricas, charlas, sorteos e un montón de actividades infantís centrarán a programación da IV Feira Mariñeira Artesá de Corme, promovida pola Concellaría de Turismo para poñer en valor a cultura galega e os costumes e tradicións da nosa terra. Este ano o calendario festivo arrincará o xoves 25, coincidindo coa celebración do Día de Galicia, e prolongarase ata o domingo 28.

Día 25
Un pasarrúas a cargo da A.C. San Xoán de Xornes abrirá o programa de actos enchendo de animación e ambiente festivo as rúas de Corme.

A partir das 13:00 horas, a música continuará na Praza do Pan coa actuación de Tecla Negra, unha muller-orquestra que amenizará a sesión matinal coa única compaña dos seus instrumentos.

No mesmo lugar, pero xa pola tarde, os protagonistas serán os/as integrantes de ?Leite de Postureo?, un grupo de nenos e nenas de Ponteceso que realizarán unha actuación musical que vos deixará sen palabras. Será ás 18:00 horas. A continuación, será a quenda dos libros coa presentación literaria de ?A outra mirada do espello?, o último traballo da escritora Almudena M. Puebla, á que seguirá un taller de creación de contos no Museo de Corme.

A primeira xornada festiva rematará ás 21:00 horas na Praza do Pan cun espectáculo infantil, protagonizado por Títeres Trécola, que fará as delicias de toda a familia.

Día 26
A música tradicional da agrupación cultural San Xoán de Xornes marcará o inicio da segunda xornada da Feira Mariñeira Artesá, na que contaremos ademais coa presenza de Circus Magníficus, que representarán pola mañá (12:00 horas) un número circense repleto de divertidos e incribles malabares, mesturados con música e teatro, e pola tarde (20:00 horas) un sorprendente espectáculo de lume.

Ambas actuacións terán lugar na Praza do Pan, lugar escollido tamén para a celebración da charla ?Gran Armada? que ofrecerá, a partir das 19:15 horas, o escritor e profesor coruñés Luis Gorrochategui Santos.

A continuación celebrarase un coloquio sobre a figura do Almirante Mourelle, aberto á participación do público.
Pola noite, a música será a gran protagonista. Primeiro, na Praza do Pan coa actuación do trío folk Andoa (21h) e, despois, na Praza da Ribeira, onde poderemos ver ao grupo de música galega Pepe Vaamonde (23h) para desfrutar do seu directo máis contundente e orixinal.

Os últimos en subirse ao escenario (00:30h) serán os integrantes de Guintervan, unha das bandas de folk máis bailables e festeiras do panorama musical galego, que nos sorprenderán coas súas melodías balcánicas mesturadas con coloristas harmonías e veloces ritmos con letras en galego.

Día 27
Os Farrapos de Cances e Tecla Negra serán os encargados de poñer a nota musical á xornada matutina do sábado 27 mentres que pola noite gozaremos das actuacións de De Ninghures (ás 21:00 horas na Praza do Pan), Pelepau e Dequevessendo, a partir das 23:00 horas na Praza da Ribeira.

A cita para os máis pequenos/as da casa será ás 20 horas na Praza do Pan cun espectáculo a proba de risas protagonizado por Circo Pajarito.

Día 28
O
domingo 28, ás 13:00 horas, volverá a diversión para toda a familia con Títeres Trécola (13:00 horas).

O broche de ouro á programación da IV Feira Mariñeira Artesá de Corme porao o grupo folclórico Pansenfrom ás 19:00 horas.

Ademais dos tradicionais expositores que participan na Feira Mariñeira Artesá, durante os catro días de celebracións haberá mostras de artesanía en vivo e concurso de fachadas. E se ademais queres participar nos sorteos que celebraremos, non esquezas pedir a túa rifa cada vez que merques no comercio local e nos diferentes postos que estarán situados polas rúas da vila.

Vémonos na Feira!

Concello de Ponteceso